Ezequiel é famoso entre quen fan o Camiño de Santiago. Desde que a súa pulpería sae nas guías como opción para que o peregrino xante barato e ben, Ezequiel deixou de ser simplemente o pulpeiro de Melide para ser unha icona apostólica, un bo samaritano (o nome bíblico fai moito) que socorre os famentos. A súa vida consistiu en mañás enteiras diante da ola do polbo, acalorado, ás veces caéndolle a crica mentres escaldaba, e mandándoche acabar o viño para poder reutilizar a taza para o café. Ezequiel botaba as contas cos dedos e non sabía gran cousa de limpeza, pero facendo o mellor polbo do mundo naquel garaxe de mala morte, salvouse de ser pobre.
Pero, para min, Ezequiel é algo máis. Cando era nena e iamos comer o polbo, sempre me preparaba un platiño de pau cheo de rabiños e, mentres mo daba, sen aceptarlle ao meu pai os cartos, dicíame: «Para ti, o máis saboroso, que o teu avó me ensinou a ler e a escribir». Ezequiel debíalle ao meu avó parte do que logrou, pois para el, que a fin de contas se fixera rico a base de cocer cefalópodos, ler e escribir eran as cousas de máis valor no mundo.
Xa ven, o pulpeiro de Melide que seguramente lía pouco máis cós papeis dos provedores, respectaba aos mestres máis ca o ministro Wert, tan formado, tan culto, tan correcto. A Ezequiel non lle fixeron falla vinte reválidas para saber do valor das primeiras letras, e porén Wert, que seguramente tería noxo do polbo de Ezequiel, aínda sendo ministro de Educación ignora que ensinar a ler e a escribir é o máis honorable dos oficios. Só por iso merecería unha maldición bíblica. Ou simplemente que nunca, ninguén, lle garde os rabos do polbo. Non os merece.