Sara

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Nacer é unha fortuna. Hai seres que, por raro que pareza, son capaces de nacer por segunda vez. Non está ao alcance de calquera. Creo que só unha proporción infinitesimal dos humanos son quen de conseguir tal proeza. Eu coñezo unha nena que, sen cumprir ano e medio, naceu en dúas ocasións. Chámase Sara. E non vou explicar aquí por qué, nin cómo naceu con repetición: os escritores só contamos as cousas a medias. Pero si aseguro, afirmo e proclamo, que Sara naceu dúas veces. A primeira, eu escribinlle que cando abría os ollos saía o sol. Era certo. Iluminou a vida dos seus pais, familia, e eles con tanta luz iluminaron tamén a vida dos amigos. A alegría é contaxiosa, como a tristeza. Como o sol. O sol que sae cando ti, Sara, abres os ollos. Quizá, cando leas esta columna dun xoves primavera 2013, saberás que o máis grande é o máis pequeno (coma ti). Que perdemos o tempo dándolle importancia ás cousas que, en verdade, non importan. Que hai xente que gasta a vida sen vivir: desvelados polo que foi ou pode ser, pero non por gozar cada segundo. Que vale máis un sorriso que mil malas caras. Que cando fas feliz a quen te rodea, ti tamén es feliz. Que os que máis ganan son sempre os que máis aman (e tamén os máis amados). Que dar enche máis que recibir. Que o diñeiro pode adquirir case todo, pero que nunca poderá comprar un corazón. Que hai que coidar aos que nos coidan. Que ter amigos vale máis que ter fama. Que os abrazos axudan a respirar. Que a dor do corpo doe menos que a dor da alma. E, dito todo isto, volvo dicir que cando abres os ollos sae o sol. Estes días especialmente, Sara.