Confusións e contradicións

Margarita Pérez Herráez TRIBUNA

OPINIÓN

A rolda de prensa do Consello de Ministros do 26 de abril foi confusa, tanto que a confusión incluso a tiñan os propios ministros, con dificultade para pronunciar algunha palabra e manter a mínima coherencia entre as distintas frases que estaban a pronunciar.

Unha posible explicación dese nerviosismo é que tres meses despois de aprobar os orzamentos da Administración central, que incluían unhas previsións para o ano 2013 de variación do PIB do -0,5 % e unha taxa de paro do 24,3 %, agora a previsión de variación do PIB é de -1,3 % e a taxa do paro é de 27,1 %.

A previsión para o ano 2012 fora unha variación do PIB do 0,7 % e finalmente foi do -1,4 %, unha diferenza de 2,1 décimas, mentres a diferenza na zona euro, que tamén a houbo, foi de 1,1 décimas, entre o +0,5 % previsto e o -0,6 % final. É para poñerse nervioso que a capacidade de erro de España duplique a da zona euro.

O Programa Nacional de Reformas de España 2013 posteriormente coñecido xera alarma por varios motivos, pero un deles é a súa falta de claridade que de algunha maneira explica a confusión dos ministros; no que nun parágrafo se di en tempo pasado, noutro se expresa en tempo futuro, mestúranse a repercusión económica de medidas xa aprobadas e postas en marcha (Real Decreto-Lei 16/2012 ) con outras aínda pendentes de deseño e aprobación (modelo de atención sociosanitaria).

Noutros casos a ambigüidade parece calculada, como no incremento previsto para achega dos usuarios do sistema de atención á dependencia, para a que o dito programa prevé un incremento dun 5 %, e un impacto da medida de 339 millóns; parece que os usuarios pagarán un 5 % máis, pero as cifras non cadran.

Os usuarios pagaron no 2012 o 15,99 % do custo total do sistema, 1.051 millóns (Observatorio da dependencia. Xaneiro 2013). Un incremento de 339 millóns, como di o programa, supón que a proporción a financiar polos usuarios tería aproximadamente un incremento do 32,25 %, e como as achegas das Administracións están a baixar e as dos usuarios a subir, a proporción a financiar polos usuarios increméntase dobremente. A este incremento habería que engadir a previsión de regular novamente as prestacións do sistema, sen especificar en que sentido, e ter en conta as rebaixas xa feitas do 15 % nas prestacións a familiares coidadores e a supresión da cotización para a Seguridade Social.

Se analizamos un pouco máis o que está a pasar coa lei de dependencia, a conclusión pon de manifesto unha vez máis as contradicións do Goberno, que desbota unha moi importante fonte de emprego e xera moita preocupación polas súas consecuencias nas persoas que precisan atención.

Outra contradición é que á vez que diminúe a atención á dependencia, o programa prevé «facilitar a conciliación da vida familiar e laboral», e «apoiar ás familias en situación de especial dificultade» (páxina 184). ¿Por que desbotan unha importante medida que probou a súa eficacia para as dúas finalidades?