Ollomoles sen IVE

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

19 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Vostedes teñen unha empresa ou unha ONG? Foi o que lle dixen a unha muller coa que mantiven unha conversa para ollomoles.

Todo comezou cando descolguei o móbil. «Chámoa polo presuposto que pediu». «Son 60 euros». «Vale». «Acepta, entón». «Si, si». Para convencela, engadín, «¿cando poden vir?». «Mañá. ¿Pero entón válelle o prezo?». «Si -dubidei-, ¿dixo 60?». «60 máis IVE». «Segue estando ben. Dígalle a quen veña que traia a factura e, se pode, cambio de 100». Foi entón que todo revirou. «¿Seguro que lle parece ben?». Por un intre pensei nunha cámara oculta. «¿Por que non me había parecer?». Atreveuse. «¿Quere que lle cobremos o IVE?». Ás veces, aínda que vou do contrario, son algo parva. «¿Logo teñen unha oferta sen IVE?». Dubidou. «Oferta? non. Só é que non cobramos o IVE se non quere». «Pero non é que eu non queira, é que vostede me insiste moito para quitarmo». «¿Entón non acepta o presuposto?». E dálle. Aí entroume un rauto de cidadá benestante. «Xa lle dixen que si. Mesmo co IVE. Porque creo que mo ten que cobrar, a non ser que o paguen vostedes? ¿Vai pagar vostede o meu IVE?». Aquí si foi rápida. «¡Non! Só é que se non quere IVE, non llo cobramos. E non facemos a factura». «Entón é coma se non viñesen». Calou. Entón díxenlle se tiña unha empresa ou unha ONG, aínda que deu igual. «¿Pero acepta o presuposto?». Meu Deus. «¡Si! ¡E con IVE! ¡Con factura e todo! Quéroo, si».

Ao día seguinte os traballadores fixeron o servizo e, á hora de pagar, rematou a conversa para ollomoles. «¿Canto lle dixo a miña xefa?». «60 máis IVE. ¿Non trae a factura?». Miroume estrañado. «Non?». Mentres desistía, entendín de ónde saen os Bárcenas, os Urdangarines e as Pantojas.