Cando o ano pasado dedicamos na RAG o Día das Letras Galegas a Valentín Paz Andrade, tiven que explicar aos meus alumnos o significado da palabra cultura: o valor simbólico e de transformación que a cultura representa, non só nos ámbitos artísticos e de pensamento, senón tamén en todas e cada unha das manifestacións da vida das colectividades? E acabamos falando de Pescanova. Sorprendía aos meus alumnos a relación entre un home de letras (pensador, ensaísta, poeta, xornalista) e o mundo da empresa, moi especialmente a relación entre unha personalidade sobranceira do galeguismo cun grupo industrial de tanta significación coma o que estes días nos ocupa. E falamos tamén de Zeltia no Porriño, das iniciativas de Cementos do Noroeste, dos negocios da carne conxelada e do transporte, da investigación no sector agropecuario nos anos 50 e 60, dos irmáns Fernández López (Antonio, José, Manuel) e a súa contribución á modernidade e o desenvolvemento da industria e a economía galegas na segunda metade do século XX. Mais fundamentalmente, repito, de Pescanova.
Poucas iniciativas, na Galicia contemporánea, adquiriron tanta proxección económica e social, dentro e fóra do país, tanta autoestima tamén, ¿por que non?, coma este grupo empresarial, creado en 1960, que durante tres ou catro décadas se converteu en líder indiscutible do sector, símbolo da nosa capacidade emprendedora, mesmo en circunstancias adversas. Xunto con Zara e Inditex, moito máis recentes, e acaso tamén xunto con Coren nas explotacións agrarias, Pescanova era (e segue a ser) o símbolo da nosa presenza empresarial no mundo, alén das nosas fronteiras.
Valentín, con quen algunha relación tiven nos anos 70, falábame dos grandes caladoiros internacionais, dos buques factoría que levaban o nome de Galicia polos sete mares (Andrade, Lemos, Galicia... construídos moitos deles nos estaleiros vigueses), da cadea de frío, das sociedades mixtas que permitían alianzas con terceiros países para facer fronte á ampliación das augas xurisdicionais, das estratexias de publicidade e comunicación destinadas a conformar os hábitos de consumo da poboación, que inicialmente desconfiaba dos conxelados, da riqueza que o mar representa, daquela nova revolución que comezara nas rías, competindo con rusos e xaponeses, ata constituír a terceira gran flota pesqueira nos océanos.
Cada vez que falamos da presenza de Galicia no mundo (da cultura galega no mundo, debo dicir), mesmo para conectar outros produtos nosos no ámbito da globalización, dun xeito ou doutro sae o nome de Pescanova. Valor económico e valor simbólico, tan importante o segundo coma o primeiro. Valor da tradición renovada (innovadora) perante os desafíos dos tempos. A forza dunha cultura, que non son unicamente os versos e as representacións, mídese pola súa capacidade para procurar respostas ás demandas e ás mudanzas da realidade que nos condiciona. ¿Podemos permitirnos perder tamén este patrimonio?