Grey

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Ofácil é a facilidade. Cruzarse de brazos e agardar a apocalipse, agora que están de moda os apocalípticos. O fácil é agardar que non pase nada ou que todo vaia a peor. Deixarse levar, deixar de opinar o que ti queres opinar, pasar pola vida como unha voz en off dun discurso repetido. O fácil é aparentar: as aparencias seducen máis que a verdade, afirmaba Erasmo, ao que sigo lendo con devoción. Con devoción, como leo a Montaigne, ao que cito tanto. E a biografía que do doutor Johnson escribiu Boswell. A Proust e Faulkner. E a Camus, que deixou para a historia unha frase que lembro a miúdo para esquecer que son un futbolferido: «O que sei da moral e das obrigas dos homes débollo ao fútbol». Sigo lendo a Márquez, ao mestre Cela, a Valle Inclán e Rafael Dieste e Cunqueiro. Sigo a ler os clásicos agora que os clásicos están pisados pola corrección política imperante: que está a sepultar non só as conciencias, senón tamén a literatura. Leo por curiosidade intelectual os libros que figuran nas listas de máis vendidos. Leo Cincuenta sombras de Grey e sinto unha abisal repugnancia. Cando un libro como este conquista a millóns de lectoras e lectores, debemos pensar que algo está derruído. Ese algo é a sensibilidade. Cómo esperar que o mundo progrese cando o que progresa son libros como este, estes: unha triloxía da pútrida estulticia. Erotismo de muladar. Pornografía serie B. Diálogos analfabetos. O fácil é a facilidade. Vivimos na época da solemne, e necia, facilidade. A felicidade é outra cousa. (Desculpen a miña incorrección; unha vez máis non coincido coas maiorías. Mágoa).