Por 2.000 euros ao mes

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

10 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das revelacións máis sorprendentes para min dos chamados papeis de Bárcenas é a cantidade que, según alí se ve, recibía o que foi presidente do PP e actual presidente de España: 25.200 euros ao ano, ou sexa, 2.100 euros xustos ao mes. Non parece unha cantidade tentadora para alguén que, como rexistrador da propiedade estaría afeito a cifras de máis díxitos, e que, como el mesmo dixo, non necesitaba entrar na política para gañar cartos. Iso fíxome recordar a película que en 1961 dirixiu Stanley Kramer sobre un feito real: o xuízo celebrado en Nuremberg en 1948 contra os xuíces alemáns. Ernst Janning, un famoso e respectado xurista, interpretado por Burt Lancaster, mantivo unha dignísima actitude durante todo o xuízo e, xa condenado, pediu falar con Dan Haywood, o maxistrado estadounidense que presidía o tribunal, encarnado no filme por Spencer Tracy. Na entrevista, o alemán quere aclarar que el non aprobou nin participou nos horrores da represión contra os xudeus. O xuíz americano replícalle que todo comeza cando se asina unha primeira condena inxusta.

Dous mil euros ao mes en diñeiro negro nin sequera deben constituír un delito contra a Facenda, pero son o comezo dunha corrupción que contaminará todos os feitos futuros. Polo ben de España hai que desexar que eses papeis non sexan veraces no que ao presidente se refire.