As únicas tesoiras que lle vin sempre a miña nai na cociña, e polo tanto, as que intúo unicamente necesarias nesta actividade, son as que se usan para limpar o peixe e cortar as talladas do polbo.
Señores dirixentes, cada cousa, para o que é.
Dende finais do ano pasado veño escoitando que en algunhas residencias de maiores as tesoiras na cociña utilízanse para recortar o investimento na comida, o que implica que minguan en saúde e comodidade aos residentes.
Moitos deles sofren dificultades para moverse, e vai fresco. Teñen fame e frío. Toman sopa ou lentellas nas que os fideos ou os legumes se poden contar nadando na auga, morna. Así é imposible quecer o corpo. O peixe, case conxelado, os filetes, coma pedras. Iso si, realizado por un servizo de catering, que ten un nome moi sofisticado e lles deixa a comida unha ou dúas veces á semana, pero que non entende que o que precisa esta xente é un caldiño con polo cocido.
Non están pedindo lagosta, percebes, pescada ou entrecot. Están pedindo comida feita no momento, sinxela, e con sabor.
Danme igual os Bárcenas, Fabras, Blancos, Díaz e todo o demais. Iso pasa a un segundo plano cando penso que os nosos avós, que tanto fixeron por todos nós, están pasando fame nas residencias.