Un está vello cando a súa esperanza reside no pasado. Coñezo xente maior (os meus amigos, descúlpenme) que non é vella; tamén coñezo «jóvenes ejecutivos» que rozan a ancianidade enfrascados nas súas tablets e novelas Grey: a contemporaneidade cutre. Os adolescentes, que non son mozos nin vellos, son para min un xeroglífico irresoluble. Intento entendelos, pero parecen inintelixibles. Os seus códigos, medidos en informáticos bits, non poden alcanzarse dende o meu intelecto analóxico. Dado o fracaso da miña percepción empírica, procuro entendelos dende o corazón. Aí encóntrome con eles. Hai adolescentes que soñan co mar e despertan con area de praia na almofada. Adolescentes que bican á muller/home da súa vida, e cando se miran no espello teñen luz de carmín nos labios. Adolescentes que gritan chuvia, e chove; que calan, e o mundo está sometido ao máis arcano e horrible dos silencios. Amo os adolescentes, irremediablemente. Miran máis limpo que todo este pútrido mundo político, «sombra aquí y sombra allá, maquíllate, maquíllate», que ata estes días contemplei con atención. Cada día interésanme menos os seus avatares. A política vai por un lado e a vida por outro. Os adolescentes sábeno, e por iso «pasan» de política. Amo os adolescentes. Porque non se abrigan. Porque só senten o frío da soidade. Porque respiran limpo, agora que só respiramos porquería. Son transparentes e nos seus ollos, como Biblias, podo ler verdades profundas. Elas e eles saben que estas liñas son só un disfraz para abrazalos. Unha escusa para dicir no seu oído, como unha canción de amor: Feliz entroido, adolescentes.