Un discurso académico

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

03 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Veño de ler o discurso co que o profesor José B. Terceiro ingresou o pasado 18 de novembro na Real Academia Española. O profesor Terceiro, catedrático de Estrutura Económica, santiagués de nación, pontevedrés de estirpe (dicía Max Aub que somos de onde facemos o bacharelato), centrou a súa intervención no Entorno institucional económico: reflexión e defensa da significación das institucións na vida económica, na saúde económica de calquera sociedade, cuestión especialmente viva nos tempos que nos toca padecer. «Las instituciones constituyen un capital social crítico -escribe-. Son el software que canaliza la interacción de la gente y el desarrollo de la sociedad». Existe unha relación estreita entre as institucións xurídicas e o funcionamento da economía, de tal xeito que «las crisis económicas no son más que los efectos residuales acumulados de providencias o fórmulas político-jurídicas (instituciones) desatinadas o en abierta contradicción entre sí».

Os países prósperos son aqueles que dispoñen dun axeitado conxunto de institucións formais para gobernar os mercados: sistemas fiscais equitativos, un marco legal que proporcione seguridade xurídica, estabilidade monetaria e financeira? «Los mercados se desarrollan y son más eficaces cuando cuentan con el apoyo y supervisión de instituciones públicas sólidas, de tal forma que el Estado y los mercados se complementan, no se sustituyen». Defensa do público, e da necesidade das institucións públicas como factores de estabilización e equidade, nun tempo marcado polo egoísmo enlouquecido das estratexias neoliberais, especulativas e inmediatistas, que nos arrastraron a unha das crises mais profundas do sistema. Parabéns ao académico por entrar no debate.

¿E que pasa cando as institucións cambalean ou non dan conta do recado para o que foron concibidas? ¿Que é primeiro: o fracaso da economía ou o fracaso das institucións? ¿Quen arrastra a quen neste derrubamento? O sistema (mesmo o modelo social) sostense sobre as institucións que o conforman. Non só institucións económicas: institucións políticas, sociais, culturais, administrativas (dende a universidade á xudicatura, dende os partidos políticos ao Banco de España ou o Fondo Monetario Internacional, dende os Parlamentos aos medios de comunicación e a monarquía). Da fiabilidade e da credibilidade destas institucións, software do sistema, en palabras do novo académico, depende o funcionamento democrático do mesmo (o Estado de dereito). Non hai máis ca ler os xornais. Sen querer meter todo no mesmo caldeiro, pois afortunadamente aínda hai niveis distintos de responsabilidade, estamos a sufrir unha profunda crise institucional, non só económica, que ameaza o modelo de convivencia do que se dotou a sociedade española (nalgúns aspectos mesmo a sociedade occidental) nas últimas décadas. Das pezas que se movan nos próximos tempos, da intelixencia e da solidez ética con que se actúe, sempre dende principios democráticos inequívocos, vai depender o futuro, que tanto custou construír.