¿Que pasa coas pensións?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

A primeiros de xaneiro comezou a moverse por Internet unha noticia moi escandalosa. Dicía, con algunhas variantes, que o Goberno do PP «roubou» o 90 % do fondo das pensións públicas. A YouTube subiuno Anonymus pedindo a difusión que, en efecto, levaron a cabo diferentes foros, engadindo comentarios como «o maior desfalco da historia», «a máis grande falcatruada de Rajoy»? Rastreando un pouco por Internet, a fonte parece ser un artigo publicado en español no xornal The Wall Street Journal para América Latina. Vai firmado por David Román, dende Madrid. Non fala de roubo. O titular é «España usa fondos que respaldan el pago de pensiones para comprar deuda soberana», e ao longo do artigo asegura que do fondo de 65.000 millóns xa leva gastado o 90 %.

Refire tamén que en setembro sacou 3.000 millóns para necesidades non especificadas e 4.000 en novembro para pagar pensións, e di que tal medida en España non desatou nin controversia nin apenas atención.

Deixando aparte o de roubo, saqueo, desfalco, falcatruada, etcétera, ¿é certo ou falso que se utilizou un 90 % do fondo das pensións para comprar débeda española? Os que recibimos estes correos tan preocupantes botamos en falta un desmentido ou unha explicación por parte dunha autoridade competente. Porque cando o río soa...