Solicito

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Solicito que a tenrura regrese ao mundo dos vivos, para non estar tan mortos. Que cumpras ilusións en lugar de «cumprir obxectivos» (esa frase de moda). Que o reino das ordenadoras pantallas entre en declive, decadente, decrépito, inane e inerte. Que te liberes, que non sexas reo da amizade sen abrazos, do amor sen dedos corpos ollos cruzados. Que escapes da vida virtual que vives sen saber que a vida pasa, corre, tan veloz e tan caprichosa. Solicito que non paguen sempre os mesmos. Que o aparente non teña máis valor que a verdade. Solicito, agora que te vas 2012, que os insensatos da contra do xoves permanezan ao meu carón, acariñándome, e que non falten as palabras para dedicarlles de bar en bar un verso: «Hai días que non podo olvidar que non consigo olvidarte». Solicito unha chuvia de bondade, agora que só choven malas noticias. Solicito que pintes a palabra risa na comisura dos teus labios, dentes libres. Que non falten as boas compañías, e que as malas estean á altura, ou sexa, menos zafios vulgares pánfilos. Solicito que cando chegue 2013 nos encontre cantando, bailando, mirando o porvir con ventura. Que cando marches, regreses. Que un vento poderoso poida varrer o batallón das células malignas, dor, puñaladas. Que resistas. Solicito que non pase este inverno sen que chegue a primavera. Que te amen. Que as lágrimas saiban a anís. Que de anís respiren os teus poros. Solicito que a felicidade non pereza ou desapareza. Abrazándote. A ti, insisto, insensata ou insensato dos meus xoves repetidos: ilusionada arrebatada intensamente. Flores, luz, ganas. A 27 de decembro, solicito.