Afirman algúns psicanalistas, aínda sen proba científica, que o ser humano pensa catro con oitenta e catro veces ao día en cuestións relativas á felicidade. Non están computadas a dor, o desespero, a desolación e demais estruturas sentimentais do afliximento. Hai xente que antes do óbito aprende, agonicamente, que pasou a metade da súa vida enterrado. Xente tan preocupada de si mesma que coñece o lugar exacto de todos os seus lunares, manchas, verrugas; o tempo, segundos que discorren entre a sístole e diástole do seu corazón; o material do tacón dos seus zapatos? e porén ignoran os gritos SOS que pronuncian a diario as persoas que comparten con ela/el a súa vida. Xente en barricada, trincheira, que atacan tigre tigre e non saben abrazar. Xente que en vez de árbores de Nadal ve púas, fusís de asalto iluminados con flores vermellas brancas vermellas brancas, un réquiem que repite «Feliz Navidad». Non todos son así. Afirman os psicanalistas máis conspicuos que o ser humano pensa catro con oitenta e catro veces ao día na felicidade auténtica. A maioría dos insensatos que len esta columna de xoves sentan nun café e rin con ela, envían SMS con turrón de chocolate por dentro, e nas redes sociais, tan mentira tan perversas tan yo mi me conmigo, expanden como pombas bicos de licor café. Digo que coñezo miles que viven intensamente, sobrepasando con moito as catro con oitenta e catro veces dedicadas integramente ao gozo do presente. Dende hoxe ata o día que Baltasar traia o carbón do ano 13, reclamo, eu, o exilio da tristeza, de risa en risa e de bar en bar. Catro con oitenta e catro veces, polo menos.