Realidades

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Estes días nos que dá un pouco de preguiza saír á rúa, deixan tempo, e animan á lectura, os fogóns ou prender a tele. Case sempre me parece atopar o mesmo na pantalla, pero hai uns días quedei sorprendida coa variedade de contidos que se poden ofrecer segundo as canles.

Un programa facía análise social do país amosando os dramas e sacrificios que fai a xente para enfrontarse á crise. Familias que viven en pouco máis que caixóns, emigracións obrigadas, traballos que rozan a escravitude e aportan moito menos dun soldo digno e razoable. Botaba medo, pola imaxe e polo real. Pola proximidade destas situacións. Medo.

Premín o botón de avance, buscando unha película que me afastase desta realidade deprimente, pero co que dei foi cun espazo que amosaba outra cara diferente dunha realidade que parece ser que existe, e gozan moi poucos. Uns mozos facían gala dos luxos polos que viven rodeados sen darlle o máis mínimo valor. As súas mascotas tiñan máis privilexios que calquera persoa que eu coñeza. Vinte mil euros ao mes era a cantidade que estimaban necesitar para os seus caprichos. Por riba, non sabían falar, e desprezaban a quen non compartía ese ritmo de vida.

Unha vergoña. E unha provocación que emitan programas así cando a maior parte da sociedade estamos pregando por un traballo remunerado, porque a sanidade sexa pública, a educación non nos falte e? todo iso que nos permita chegar a final de mes.