Amáis de mil quilómetros ?como unha canción? estou pensando en ti. Doce anos, paciente de cáncer no hospital Sant Joan de Déu en Barcelona, Paula, convence a Macaco para gravar un vídeo musical. Non podo evitar un sorriso cando vexo o teu sorriso. A xente coma ti fai este mundo menos gris, máis humano. Quédome coa túa risa, insisto, agora que todas son palabras de fume negro. A primeira frase do vídeo, categórica, leva a imaxe dun neno sen pelo que proclama: ?Los sueños cambiaron el destino de los hombres y de las naciones?. Despois, vida: un baile que bailan mans, corpos, voces envoltas en himno alegría. Estes días eu querería levar toda esta vida ao meu país, en estado de derribo, coas agullas do reloxo marcando tic tac horas en derrota. Mirarte a ti, Paula, é mirar de fronte toda a dignidade do ser humano: ese que nunca tira a toalla, pese a todo. Escribo o teu nome e deixo correr a emoción que as palabras, como paxaros, levan voando voando polo mundo adiante. En cada columna do xoves hai un lugar para ti: as letras formarán o teu nome cada vez que non teñan nada que dicir, e cando todo o digan. A túa luz correrá as arterias desta terra que te quere, irremediablemente. Cruzará os ollos de lectoras e lectores que teñen por conxuro este recanto: un remedio contra a desolación. Non hai ninguén máis importante que as persoas que son coma ti: esas que teñen por patria a esperanza. Cando estou triste contemplo o teu sorriso cantando e digo: ?Hoy sabemos que lo importante es soñar?. A máis de mil quilómetros, somos miles os que te abrazamos. Estamos pensando en ti. Todos somos Paula.