Cando a aria O mio babbino caro mergullaba aos presentes na impresionante Aula Magna da Escola Nacional de Policía de Ávila, interpretada pola magnífica voz dunha soprano acompañada ao piano, estàbanse a rematar dúas xornadas cheas de contidos, onde mais de douscentos expertos en «protección do patrimonio histórico-artístico» abordaran a situación actual nesta área, amparados pola organización do terceiro Congreso Protecturi celebrado o pasado fin de semana na cidade de Santa Teresa.
O lugar escollido para desenvolvelo foi o máis importante Campus da Seguridade de España, e a cidade elexida unha das máis fermosas entre as que conforman o grupo de vilas declaradas pola Unesco Patrimonio da Humanidade. Os organizadores formaron un equipo excelente, dirixido polo presidente da asociación, Andrés Martín Ludeña, sobranceiro profesional do sector da seguridade privada. Os temas a debate tiraban da máxima actualidade, e os ponentes reclutados nas cualificadas nóminas de analistas, técnicos e responsables de grandes museos, coleccións artísticas e doutras institucións.
O noso patrimonio cultural, material e inmaterial, recibíu así a atención que merece por ser a manifestación máis xenuina da andaina dos homes polo carreiro dos séculos e da História, ofrecéndose unha visión estratéxica e actual no tocante á súa integridade e custodia.
Mencións singulares recibiron o propio centro académico da Policía, a unidade do Corpo Nacional de Policía que se encarga da protección de museos e coleccións, e un dos fundadores, agora xubilado, de Protecturi. Dúas grandes distincións foron entregadas para certificar o importante nivel acadado no eido da seguridade ao Museo Nacional do Prado e a baronesa dona Carmen Thyssen. Esta pequena crónica quere salientar que pode manterse a fe no ser humano, xa que en tempos de crises e miserias, este colectivo de profesionais, foron quen de organizar un congreso desta categoría dedicado á conservación e protección da nosa pegada a través do tempo. E quixeron porlle o ramo coa engaiolante aria da ópera de Puccini.