Desprestixio da autonomía

OPINIÓN

03 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

S e un Goberno como o galego non fai uso das facultades que a lei lle confire, neste caso para a promoción da lingua propia de Galicia, e se queda moi por embaixo desas posibilidades, non se pode dicir que actúa conforme ás leis nin que axuda aos intereses do país.

E qué dicir se aquel, ao revés do que ocorre noutras comunidades, lle parecen excesivas as facultades que ten, ou pensa que non hai razón para facer uso pleno das mesmas, e, desa maneira, desiste da promoción da lingua propia desbotando posibilidades que as leis e a xurisprudencia lle permiten.

Ou se as súas disposicións deben ser corrixidas polos tribunais e lle teñan que lembrar que hai unhas leis que son para cumprir e non para conculcar. Un Goberno que de tal maneira se comporta pode estar desprestixiando a súa autonomía, as súas leis e a cultura do seu país, isto é, a súa verdadeira razón de ser. E, ao cabo, desprestixiándose a si mesmo, por máis que compraza aos seus amos e estes outorguen os seus parabéns.

Co chamado decreto do plurilingüismo, este Goberno fixo xusto o contrario do que fixeron outros con máis sentido político e cultural, que souberon espremer as normas canto puideron para a mellor defensa das súas linguas, para cumprir cos seus Estatutos e para o mellor prestixio deses países. Foron señores dos seus dereitos, non servos dos seus amos.

Peor é aínda que se diga, por máis que a resolución xudicial pode que non convenza a ninguén, que esta non se vai cumprir. Nese caso xa non estaremos só nunha república bananeira senón á marxe da democracia, das leis e das institucións. Quixeramos pensar que se trata dunha rabecha de nenos que ven escachizado o seu xoguete, pero impropia de políticos con responsabilidades. Ilusos que somos.