Aconsecuencia dunha avalancha nunha festa, o 2 de novembro, morreron en Madrid catro rapazas. Aínda hoxe esas mortes seguen a ser noticia. O 16 de novembro morreu unha rapaza nunha pequena vila de Ciudad Real: chamábase Mónica, tiña 16 anos, era ecuatoriana, pobre, fea e tímida. No autobús que a levaba ao instituto non a deixaban sentarse, ao intentar ir ao lavabo algunhas alumnas impedíanlle entrar; chamábanlle «mona», o mesmo insulto que dende as gradas lle berraban a Etóo, o xogador negro; os pais, un obreiro en paro e unha nai que coida anciáns, intentaron cambiala de centro. Os responsables docentes opinaron que non había motivo. «Ninguén me axuda», respondeu Mónica cando súa nai lle dixo que se defendese. E decidiu poñer fin á súa vida. Nas mortes de Madrid entrou a política: son razón suficiente para pedir a dimisión da alcaldesa. A morte de Mónica non ten consecuencias políticas; a asociación de pais e nais de alumnos apoia aos docentes e ao director do centro, ninguén perderá o seu cargo; por iso xa desapareceu da actualidade. Os abusadores seguirán a exercer a súa crueldade sobre vítimas indefensas apoiados na covardía dos compañeiros, a conivencia das familias, a neglixencia dos docentes e a indiferenza da sociedade. E sobre este repugnante caso de xenofobia e de clasismo caerá o silencio. ¡Que noxo!