Supoño que esta semana a maior parte das ventás que se abren nestas páxinas serán para realizar unha análise da situación política (e polo tanto social e económica) de Galicia despois das eleccións. Paréceme moi ben, porque ademais, falarán dela compañeiros moito máis preparados e entendidos no tema ca min. Quizais por iso eu dei en escribir doutro asunto que leva estes días tamén dando voltas, e é tremendamente importante: un ano da tregua de ETA.
Cando anunciaron a feliz nova, mantívenme cauta. Coma sempre, as formas non axudaban á crenza cega.
Agora creo que avanzamos algo neste camiño, pero demasiado pouco. Algunhas manifestacións de antigos membros da banda terrorista fan pensar que os tempos van mudar, pero outras decisións e concesións realizadas aos mesmos? fan que o barco da confianza se abanee. A xustiza debera ser a máis firme de todas. Continúo a agardar polo mesmo que desexaba hai un ano: a entrega de armas. Iso si significaría a rendición. O que nos ofrecen por agora, tan só o tempo nos dirá o que verdadeiramente entraña.
Non se trata de ser incrédulos, pero os pasos firmes deixan pegada (física ou non), e debemos ser cautos mentres tanto, máis aínda se nos andamos a mover polas estremas.
Tampouco é cuestión de dramatizar nin desdramatizar (coma o conto ese dos 40.000 millóns de euros que non son para tanto?), actitudes ás que andamos moi afeitos neste país. Deberiamos aprender a ser máis obxectivos, e facer autoanálise. Difícil, pero moi necesario.