Os que teñen pedras en lugar de corazón. Os que son incapaces de amar a alguén un pouco máis que a si mesmos. Os que depositaron os soños nun muladar, os que non ven animais (cans, ratos, coelliños brancos e azuis) cando contemplan as nubes, os que posúen como única ilusión o euromillón de cada venres. Os que se cren en posesión da verdade absoluta. Os que dan leccións de moralidade e ocultan a inmoralidade propia. Os que odian e fixeron do odio o centro das súas vidas: viven á contra de case todo, nunca a favor de nada. Os que non len versos. Os que nunca escribiron versos. Os que non saben contemplar os versos do horizonte, cando o sol cae entre os montes, ou na liña laranxa do mar, morrendo? para renacer, sempre. Os que non dubidan en morder aos pequenos e axeonllarse diante os grandes, os que pensan por control remoto, os que non consenten o disenso ou a discusión, os intolerantes, os que levantan a bandeira da liberdade e só coidan a súa liberdade. Os que nunca argumentan, insultadores. Os anónimos, covardes. Os que chaman á revolución sen evolucionar máis alá das súas consignas, atavismos e anacronías. Infelices os que ignoran que a felicidade non está nos grandes proxectos, ambicións, senón nas pequenas cousas de cada día. Os que non saben que importa a viaxe, non o punto de destino. Infelices os que miran máis a Bolsa que os ollos que teñen enfronte, azuis, marróns, verdes de mar norte, noso. Os que cambian un sorriso por unha cara incomodada. Os que usan as malas palabras en lugar das palabras bálsamo, alivio, caricia. Os que teñen pedras en lugar de corazón. Infelices.