A verdade sobre Pemex

Fernando Branco Parga TRIBUNA

OPINIÓN

05 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Na campaña electoral do 2009, Feijoo anunciou un contrato con Ferrol: no seu primeiro punto prometía un centro de reparacións navais, que xeraría 2.000 postos de traballo; pasadas as eleccións, non se soubo máis dese anuncio.

En xuño do 2010 aprobouse unanimemente no Parlamento galego, por impulso dunha ILP, a Lei do Sector Naval de Galiza, que, entre outras cousas, demandaba da Xunta o inicio de negociacións para o levantamento do veto a Astano e a entrada do Executivo galego no consello da empresa pública Navantia; tampouco nunca houbo constancia de que se adoptase medida algunha para materializar tales previsións legais.

Antes das eleccións municipais do 2011, realizouse un Consello da Xunta en Ferrol, onde prometeron a presentación dun plan industrial para Astano, que ían presentar antes do verán; nunca foi coñecido ese plan industrial.

A principios deste ano, o conselleiro de Industria prometía unha solución para o tax lease antes de abril; xa estamos en outubro e seguimos sen solución.

Agora, en tempo de desconto electoral e co aval das promesas incumpridas, anúnciase o acordo con Pemex para dous floteis; un acordo que nin se fai público nin se entrega no Parlamento. E, curiosamente, no canto de informarnos o Goberno galego temos que coñecer pola dirección de Pemex en México que o devandito contrato ten cláusulas suspensivas e que en realidade non obriga a Pemex, senón á súa filial PMI. En síntese: PMI, no seu labor comercial, fará propostas a Pemex e estas aínda deben pasar por un proceso competitivo.

Mais a grande posta en escena feita por Feijoo na sinatura deste acordo non pasou desapercibida en México. Así, a propia Pemex tivo que saír a dar explicacións e representantes políticos do partido que vai gobernar naquel país a partir do 1 de decembro (e que, por iso, terán o control da empresa pública Pemex) cuestionan este contrato.

En definitiva, é urxente e necesario que o presidente da Xunta faga públicos todos os compromisos asinados con Pemex. O sector naval de Galiza ten dereito a saber a verdade. Non podemos seguir coñecéndoa por México.