Cando sufras

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Cando sufras, quédate só. Non chames a ninguén, non grites. A dor é só túa; a alegría, debes compartila. A dor son mil lagartos que morden o adentro, irredutibles e crueis. A dor é sempre da cor do arame, o menosprezo e o rancor. Cando sufras contempla o horizonte. Eu teño un castelo e un río e uns ollos onde mirarme para que a dor doa menos. Estou seguro que ti tamén tes ollos e castelos e ríos. Todo está no interior. Todo reside, como chafariz de soños, dentro de ti. Cando sufras, pensa que pasará. Cando sintas que todo é inxusto, pensa que outros sofren máis inxustizas ca ti. Se sofres por dicir o que pensas, debes saber que o teu sufrir ha de crear homes máis libres e mellores. Pero debes aprender a sufrir polas cousas que en verdade importan. Esas que te debuxan como es: rosas polas que darías, sen pensalo, a túa vida. Porque se sofres polo que din, comentan, murmuran, afirman, non poderás nunca ser feliz. Coñezo homes e mulleres que lle dan importancia a cousas que non teñen importancia. O que importa é quen es, non como te ven os outros. Importan máis os abrazos dos que te queren, que os improperios daqueles que te odian. Importa máis como te sentes, como te ves, que os espellos que teñen os outros diante das súas balas para xulgarte. Cando sufras debes saber que as cousas non van ben para miles e miles de seres coma ti, confusos e tristes. Pensa neles, non te queixes. Pero tampouco agaches a cabeza cando queiran pisarte. Se non amas a túa dignidade, non poderás amar nada. Non poderás amar a ninguén. Cando sufras non chames, non grites. No fondo, un sempre está só.