O que titula esta columna é un adxectivo punitivo e discordante e rudo. En ocasións a palabra imbécil produce unha purga óxida no corazón: exterminio de fantasmas e fantasmagorías. A xente pública en público pronuncia a palabra imbécil como un exorcismo: para liberarse dos propios avernos. A pasada semana a presentadora do acto conmemorativo da Diada catalana, Mónica Terribas, ex directora de TV3, fixo un chamamento aos cataláns para deixar de ser imbéciles. O cineasta José Luis Cuerda, cando «o mundo da cultura» proclamaba loas a Rodríguez Zapatero, pronunciou en lingua cervantina un prodixioso adaxio: «Que no vuelva esa turba mentirosa y humillante que piensa, desde su imbecilidad, que todos somos más imbéciles que ellos». Beiras, que disfruta no circo político máis que tocando o piano na intimidade, chamou imbécil ao presidente da Xunta, que tamén é o seu presidente e nunca vilipendia, insulta ou escarnece a ningún adversario. A palabra imbécil está de moda e un, humildemente, pregunta cómo puidemos caer tan baixo. Tan vulgares, os cultos. Ordinarios, os presuntamente eximios. Zafios, os instruídos. Non coñezo a Terribas, pero supóñolle altura intelectual polos cargos desempeñados. Beiras é home ilustrado. Cuerda asinou algunha película que admiro (eles, os autodenominados «o mundo da cultura», só admiran a obra do cercano -aínda que sexa un necio-, nunca dos que non pensamos como eles pensan: somos tóxicos e non pertencemos a «o mundo da cultura»). Terribas, Beiras, Cuerda: xente culta. A cultura ultimamente ofende. A cultura deixou de ser culta. Zafia vulgar ordinaria. Lástima.