P reguntábanme o outro día, a propósito dos meus artigos, se estaba enfadada co mundo. ¿Enfadada? !Non! Estou preocupada e desencantada. Abrir as páxinas do xornal cada mañá significa comezar o día coa desesperanza pegada ao corpo.
Hoxe mesmo enchían as novas algunhas das familias que practicamente non teñen para comer. Pasta e arroz conforman a dieta diaria. Quéixanse de que as axudas van aos bancos, e non á xente necesitada.
Adáptome a cambios, situacións, e realidade. Para iso é bo ser maleable. O problema é que leva todas as trazas de converterse no noso pan de cada día, e conformar o presente, preludio dun futuro máis escuro aínda.
Por iso, quizais si debera estar enfadada. Eu e toda a sociedade. Molesta por deixarnos arrastrar a esta situación de penuria sen rebelarnos, sen sequera revolvernos e facernos escoitar, e negarnos a seguir polo mesmo camiño á perdición.
De pequena, eu quería ser Astérix. Porque a pesar da súa constitución miúda, pelexaba incansable polo seu pobo, e contra a opresión. Vivo nun paraíso semellante á aldea gala. Igual de fermoso. Inspiro e o aire puro invádeme. Cada día podo elixir qué xantar. O dito, un edén. Só falta Astérix.
A ver mañá, se cando volva almorzar acompañada das páxinas da prensa, podo lembrar o privilexio no que vivo.