Tatuaxes a esgalla

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

20 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O verán, e a praia, dannos unha idea do andazo que son as tatuaxes. ¿Que move á rapazada, e a outros que non o son, a gravar na súa pel debuxos e imaxes de case imposible ou moi difícil eliminación? Porque xa non se trata de pendentes ou de piercings, senón de debuxos ou imaxes carimbadas na nosa pel, verdadeiramente incorporados á nosa persoa.

Unha resposta pode ser sinxelamente a imitación, que é sempre o máis fácil. A imitación do que fan os demais e non digamos se os demais son os que hoxe son ídolos da mocidade: figuras do espectáculo ou dos deportes. Pero, a verdade, tanto andazo deixa coxa ou insatisfactoria a nosa posible resposta. Ten que haber algo máis.

Non pode ser só por imitación, por moda ou por facer o que fan os demais. Paréceme que hai algo máis profundo e non vexo outra cousa que o infantilismo da xente moza dos nosos días, de tan escasa cultura, case sen referencias culturais, orfas de ideais, incapaces de empregar o seu tempo -infelizmente, nunca dispuxeron de tanto- en grandes aspiracións, en proxectos nobres, en tarefas de grandes dimensións.

Infantilismo e tamén primitivismo, produtos da escasa cultura. Non teño a menor dúbida de que esas actitudes de carimbar a nosa pel non difiren moito, ao menos na súa esencia, das dos que atravesan o seu nariz con paus ou desfiguran os seus labios, actitudes que se ben se poden explicar noutras culturas e noutros medios, moi dificilmente cabe facelo na nosa.

¿Que pasa cando unha boa parte da xuventude ten como horizonte inmediato lucir as súas tatuaxes? ¿Non estará denunciando o seu inmenso baleiro espiritual? ¿Non nos quererán dicir que coa forza e firmeza das súas tatuaxes están sinalando o mundo esvaradío das carencias que padecen e das que son vítimas?