Precisamos fantasmas. Que aparezan de súpeto nunha rúa calquera de agosto. Que miren como antes miraban, distantes, sen poder vislumbrar nin sequera a cor dos seus ollos. Fantasmas que emocionen, agora que a realidade está tan patas arriba, tan funesta, tan peor. Eu quedei sen fantasmas cando deixei de escribir con espartana e estúpida disciplina (¿para que?). Levo unha vida tan apegada á actualidade que incluso escribir de política parece divertido. Pero os escritores, aínda que non escribamos, non deixamos de ser o que somos. Política e literatura son contrarios. A literatura está feita para soñar; a política, ultimamente, constrúese derrubando soños. Lembro os meus fantasmas de antes. Paseaba con eles baixo a pálida luz dos farois. Pensaba que paseaba, iluso, baixo os pés da lúa. Contáballe os meus fracasos, escribíalles poemas de amor e algunha noite, agarrado á decepción, abrazábame a eles para salvarme. Non me salvei. Estou tan perdido como todos os que len esta columna. Busco entre as miñas sombras para encontrarme? e só encontro restos. A felicidade é un recanto do pasado, dicía Proust: non coñezo unha forma máis cruel da desesperanza. O presente é unha elexía. Unha sinfonía escura de demagogos, intolerantes, magos sen maxia, artistas sen arte, borrachos de divisas primas bonos («bonos basura»: qué expresión tan lúcida para o presente). Digo que precisamos que xire a vida 360 graos. Volver ao mesmo lugar (edén), ese espazo onde somos o único que en verdade somos. Eu sigo sendo escritor. Sigo vendo fantasmas. Ver, sentir, abrazar un fantasma. É un remedio contra a tristeza.