Londres, 2012

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Todo está na televisión. Ou mellor: todo se concibe e deseña para saír na televisión. O que non sae na televisión a efectos sociais non existe. É unha característica dos tempos. Escribo sen coñecer aínda as cifras oficiais da audiencia do espectáculo da inauguración dos Xogos Olímpicos que se celebrou antonte na cidade de Londres. Os xogos de Barcelona, en 1992, e os de Sídney en 2000 acadaron un seguimento de case que 5.000 millóns de telespectadores. Os de Pekín seica algo menos, 4.200 millóns.

Onte o Reino Unido colocounos o correspondente anuncio publicitario (práctica habitual nestes casos) sobre as excelencias, a historia e os méritos da Gran Bretaña: que por certo son catro nacións, segundo os comentaristas oficiais, e a ninguén espanta: Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte. Deberiamos engadir Cornualles, e mesmo a illa de Man.

A revolución industrial (cunha visión das transformacións históricas do mundo rural ao mundo urbano un tanto idílica e bastante discutible), os grandes clásicos da literatura británica, os nenos, o movemento sindical, a música, ¡a seguridade social e asistencia sanitaria!, as conquistas no deporte, os avances da ciencia no século XX, Internet, as novas tecnoloxías, durante algo máis de tres horas foron pasando diante dos espectadores nunha concepción plástica deseñada por Danny Boyle, cun orzamento próximo aos 40 millóns de euros, que á fin é o que todos sabemos que é: ese gran escaparate no que un país exhibe as súas excelencias. Con todo o dereito, que para iso pon os cartos. Outra cousa é que resultase aburrido, que o foi. Bastante aburrido.

O que máis me interesa neste tipo de eventos é o escaparate. O escaparate e a tecnoloxía de comunicación de masas. Nos xogos de Berlín en 1936 o protagonista foi o cine: os noticieiros de imaxes que se proxectaban nas salas de exhibición do cinematógrafo, daquela xa una industria en crecemento. A televisión aínda estaba no tubo de ensaio. Antes, a prensa e o cartelismo. A partir da Segunda Guerra Mundial entra en escena a TV e en 1964 (Tokío) prodúcese a primeira retransmisión masiva a través do satélite. Daquela entrabamos na globalización. Pekín foi o espectáculo das masas activas, movemento escénico, tecnoloxía de efectos especiais.

A retransmisión de onte estivo centrada na Internet (cun referencia especial ao inglés Tim Berners-Lee, presente no escenario, un dos inventores da WWW en 1989 xunto co belga Robert Caillieu, a quen por certo non se fixo mención ningunha) e, sobre todo, a telefonía móbil (1983). A telefonía móbil é sen dúbida o gran fenómeno de comunicación de masas (os self-media dos que falaba Jean Clautier hai trinta anos). A telefonía móbil e máis as redes sociais, que en gran medida son unha derivada daquela.

A alí estivemos, diante do televisor, ata as dúas da madrugada. Paul McCartney, que ten 70 anos, cantou Hey Jude (1968). Foi o momento máis emocionante. O vello McCartney xa non ten voz, cústalle manter os agudos, pero conserva o glamur dos clásicos.