O que máis me doe, dígoo con franqueza, é como venden as cousas. É suficiente soportar as medidas políticas que toman os dirixentes, coma para intentar convencernos de que nos están a facer un favor.
O IVE sobe por seren incapaces de frear o fraude fiscal. Compensarémolo os que pagamos puntualmente. Que non digan que é o único que se pode facer, porque non é certo, cando menos, mentres continúe a amnistía fiscal para os defraudadores. Por riba, o BCE xa apuntou que esta medida non será efectiva.
Se non chegaba, o presidente asegura que aínda que dixera que baixaría os impostos e está a subilos, non cambiou os criterios, tan só as circunstancias. Para chorar, vamos. E aínda replicarán que pan, leite e medicamentos se manteñen. ¡Grazas! Moi sinxelo sobrevivir así.
Hai máis. Á redución das prestacións de emprego dálles o título de incentivo para a busca do mesmo. ¡Claro! ¡Faltaría máis! A xente agora, malvivindo por non poder traballar, está na casa de brazos cruzados porque realmente non quere traballar, prefire tirar da familia para poder vivir. ¡Obvio! Por iso é consecuente que supriman bonificacións á contratación.
O novo recorte aos funcionarios, ¿como o van chamar?, ¿incentivo á empresa privada?
E para rematar, aplausos, e comentarios desafortunados dalgunha deputada. Preferiría que, polo menos, se mantivesen serios e compunxidos, por iso de que nos están a amolar a vida. Aínda que fose só unha pose. O mínimo é o respecto.