¿Heroes?

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

O peor do fútbol son as súas celebracións, declaracións, contubernios. O peor do fútbol é todo o que queda fóra do rectángulo de herba e xogo. O peor do fútbol é que o fútbol debe á Seguridade Social e á Facenda pública, que os clubes teñen privilexios dos que non goza ningunha empresa, que algúns do fútbol converten a vulgaridade e a zafiedade e a mala educación en norma vivencial. Eu amo con rotundidade o fútbol: o do rectángulo de herba e xogo... todo o demais paréceme abominable. Abominable a celebración da maioría dos xogadores, que lonxe de ser eses exemplos para os nosos fillos, son tan ordinarios e groseiros que espantan. Critiquei aqueles que recordaban o paro, a situación económica, fronte á alegría desbordada da maior parte da cidadanía española. Pensaba que algúns posúen o vicio da infelicidade e da crítica permanente, inconformistas que nunca se conforman coa felicidade dos outros (nin coa propia). Dicía que incluso os agonizantes teñen dereito a sorrir. Sigo pensando o mesmo, pero pediría que en próximas celebracións non sexa a palabra «heroes» a que se propaga polos titulares. Non son heroes. Son xogadores de fútbol: eu só teño para eles aplausos por tanto gozo, por tanto fútbol e ilusión. Pero non son heroes. Os heroes abren a luz de cada día, levantándose co sol (e non gañan 300.000 euros libres de impostos nun mes). Moitos andan á procura de traballo nesta España crítica, desplumada pola codicia. Os heroes están nos hospitais, nas misións, nas ONG. Están nos montes cando arden. No mar de Riazor perdendo a vida para salvar vidas. Os heroes da selección son só xogadores de fútbol.