C hega xullo coma un punto de inflexión nas nosas vidas. Non entendo moi ben o porqué deste estraño fenómeno, pois realmente, é un domingo máis, un luns máis? un día máis. Iso si, todos de xullo.
Pero coma se dun volcán se tratase, o mundo dá unha volta diferente. Hai quen prepara maletas para irse de vacacións, quen foxe á praia, quen reorganiza horarios cos cativos, na televisión mudan os programas? e así ata a saciedade. O número un sempre foi especial. Para os que están na cima, ou para os que queren chegar, e neste caso, para quen ve en xullo un mes fundamental. Eu prefiro orientarme polas estacións do ano, e o verán, xa hai días que comezou.
Por sorte, a calor aínda está agromando agora. Quizais non cheguen tan tarde estes seis mil brigadistas que este primeiro de mes arrancan co plan especial de alto risco de incendios no país.
Dende hai unha década, cada ano, arrásase un 1 % da superficie de Galicia por mor do lume. Novamente o un, aínda que este non nos guste absolutamente nada. Así, imos mal. Moi mal. O país verde vai camiño de converterse en cinza.
Quizais nos axude este tempo invernal e chuvioso, porque a prevención volve estar ausente. Sigo botando de menos unha planificación de limpeza de montes, de aproveitamento da masa forestal. Non podemos depender da climatoloxía adversa.
Despois de tantos anos de «experiencia», algo deberiamos ter aprendido, e adiantarnos aos acontecementos sempre resulta positivo. A ver se hai sorte e creamos xa o plan de prevención número un.