Neda

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Hai individuos que non debían ocupar nin unha liña dos xornais, un segundo dos noticiarios. Hai individuos tinguidos de loito e negror e sangue: na boca, nos dedos, na lingua e na alma. Algúns viven a poucos metros de nós e non o sabemos. En ocasións están deitados no lugar noso de Narón, que empeza con N maiúsculo, como Neda. Onte enterraron alí a Iria, de vinte e oito anos. Hai unha semana denunciara ao seu asasino. Tres días despois, matouna. Non pode haber nin un só motivo para acabar coa vida dunha muller de 28 anos que só quere vivir. Unha muller como esas que ves se levantas a cabeza, se abres a fiestra, se deixas o café e pensas que en ocasións hai columnas que son lágrimas. Velaquí unha delas. Porque estamos fartos de dicir nunca máis. Fartos de ver como mes a mes, ou día a día, un canalla asasina á muller da que aseguraba estar namorado. Pero o amor é outra cousa. O amor consiste exactamente en dar vida, non en quitala. O amor move o mundo e as demais estrelas, dixo e escribiu para gloria da humanidade o Dante. O amor move, a pesar de todo, este país pequenecho e digno que non pode abrigar miseria. Iria xa non está aquí. Non paseará as rúas do Norte. Non gozarán dela os seus amigos e familia. Con ela, aínda que non o creas, morremos todos un pouco: porque a violencia dos homes sobre as mulleres é a máis ruín de todas as violencias. Cando un maltratador maltrata, maltrátate a ti, a todos. Hoxe escribo con pluma triste, e a tinta pinta círculos de esponxa negra no medio do país. Iria, 28 anos, tiña que estar viva. E non deitada para nunca na terra de Neda. Linda, alta, querida Neda.