Os que saben que só importa o que en verdade importa, felices. Os que escoitan a voz do amigo, acompañan ao amigo, os que non cambiarían a amizade por un carro brillante de ouropel moeda bonos propiedades. Os que non se resignan a ser resignados. Os que despois de levantarse agardan unha boa noticia. Os que recoñecen os erros propios e loan as virtudes alleas. Os que non fixeron da envexa o seu modo de ser constante. Os que bican aínda cos ollos pechados. Os que apertan a man cando dan a man. Os que miran os ollos e, sen palabras, afirman: aquí estou se me necesitas. Felices os que conseguiron mil razóns para vivir. Os que non temen ao infortunio, porque son capaces de vencelo. Os que fixeron do amor un mandamento, e escriben con tinta de amor, e envían flores de amor, e escriben amor entre as liñas de cada día: como un poema. «Felices los amados y los amantes y los que pueden prescindir del amor. Felices los felices», escribiu Mío Borges. Os que tragan o cuspe da decepción. Os que admiten que o mundo existe porque existen os outros: por iso viven para eles, non para si mesmos. Os médicos e científicos e sanitarios que curan, non coñezo unha profesión máis nobre. Os que non gardan rancor. Felices os que detestan as guerras, todas: tamén esas pequenas batallas domésticas que son inferno. Felices os que saben que esta lingua na que escribo non ten un día, senón todos. Os que saben perder. Os que seguen camiñando, aínda que pareza que non hai camiño. Felices os que len esta columna e neste momento, como plumas, senten revoar caricias no ventre. Felices por vivir sentir soñar gozar. Felices.