Unha de auga

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

H ai ben tempo que se está a anunciar que os niveis dos nosos encoros están baixo mínimos. Lévase dicindo, creo, desde o mes de febreiro.

E non chove.

Ou si o fai, pero só un día, e ten que ser precisamente ao seguinte de queimárense as fragas do Eume. Así, o desastre medioambiental podería agravarse se se producise arrastre dos sedimentos, que poderían chegar a contaminar o río Eume. Como xa ten pasado outras veces, o solo quedaría totalmente desprotexido. O que é unha desgraza en cadea? porque ata se pode ver facilmente afectado o banco de marisco na desembocadura.

A falta de chuvia, de todos os xeitos, e este cambio climático que fai cambiar o mapa do tempo como nunca antes pasou (pingueiras en todos os lados agás en Galicia, ¡onde se vira iso antes!), non é a única culpable.

Galicia sempre foi o país da auga, razón pola que nunca nos preocupamos deste ben indispensable. Sobrábanos, todo o ano. Así que? ¿para que ser previsores? ¿Para que dispoñer medidas de restrición a principios de ano? Estamos a verlle as orellas ao lobo? e deixamos as billas abertas. Inconscientes!

No fondo, temos o que nos merecemos. Por non tomarnos as cousas en serio cando hai que facelo. Por dedicarnos a criticar ao de enfronte sen facer absolutamente nada para melloralos.

Non houbo medidas restritivas, nin campañas de concienciación á cidadanía. Isto non é unha sociedade sustentable. Deixemos de crear campos de golf e fomentemos un turismo que valore a nosa identidade propia. Iso si, antes de perdela de todo.