X a levamos o 80 % dos incendios de todos os ocorridos no 2008. Isto, sen contar os últimos desta fin de semana. Entre eles, os que están arrasando coas fragas do Eume, unha das paraxes máis emblemáticas da nosa terra. Esta fin de semana estiven no lugar no que pasei todos os veráns da miña infancia. Ese que me agasallou coa gran sorte de poder ser da aldea. Ao pasear polos seus camiños entendín que si é certo que existen recunchos que son un refuxio para a alma.
Impagable a sensación de atoparme coas veciñas que me agardan cos brazos abertos dende que me recoñecen para apertarme e encherme de bicos. Mariíña! -bérranme-, e sorrín. Fálanme desde o corazón, coma cando tiña poucos anos. O día foi unha secuencia de lembranzas daqueles anos inocentes e felices. Os peores recordos tan só aparecen coas campás tocando a morto. E a incendio. Medio da noite. Espertaban aos veciños e oíanse organizárense ás carreiras, cargados con caldeiros. Darían media vida por salvar os seus montes. Eu, desde a ventá, miraba aterrada cómo as lapas debuxaban as copas dos piñeiros. Hoxe cheira novamente a incendio. Continúo aterrada pola maldade da xente que prende lume na terra que nos dá de comer. Sen piedade, con arrogancia.
E por riba, non sabemos organizarnos. Perdemos a esencia da aldea, e non sabemos ser aldea global. ¡Que mágoa! Non se pode ver o último raio de sol, con tanto fume. Calquera día non nos espera un seguinte solpor.