O Centro máis Dramático

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

27 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

V ou falar claro, eu que podo. Que as formas sexan feas non implica que non haxa motivos para un despido. Refírome a que, por moi estúpida que sexa a excusa da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para destituír a directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, iso non implica que esta non merecese un cese fulminante. Os que traballamos preto do teatro sabemos que a súa foi unha xestión nefasta, mala na programación (por carecer de proxecto), na xestión dos poucos recursos (por incompetencia visible nos resultados reais, non nos relatados pola interesada), e na proxección pública do CDG (reducida á invisibilidade). Por isto o seu cese é conveniente e responsable por parte de quen, no alto nivel da consellería, decidiu.

Mais en política as formas importan. ¿É censura que a Agadic diga a Cendán que non pode ceder o Salón Teatro para unha actividade, a que sexa? Si. ¿Iso ten algo que ver con que merecese ser cesada? Non. Daquela, estamos ante unha decisión ben tomada pero mal artellada, e a cidadanía prefire a valentía dun cese xustificado a unha macarrada do director da Agadic que amosa o que xa sabiamos: que lle importa pouco o teatro, cousa pola que tamén merecería cesar. Ao final, o dano é para o teatro, representado por uns profesionais que, tendo calado durante meses o segredo a berros do caos do CDG, converten en vítima á culpable e estouran ante o medo a perder a institución teatral máis nosa. Non hai mal que por ben non veña: a profesión espertou do seu onanismo e decidiu implicarse na defensa do CDG. Eu, optimista, coido que o cese si implica un compromiso renovado polo teatro público. E xa postos, podían seguir coa depuración de cargos medios dependentes de Cultura.