Como Dieste

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

22 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A primavera sempre volve, escribiu Rafael Dieste. Apértome a esta sentenza para redactar palabras palabras palabras. Quero dicir, redactar esperanzas. Cotizan á baixa as ilusións. Alguén se encargou de encadealas no cuarto escuro, onde repousan as cousas inservibles. Alguén, cando pechou a esperanza, pechou tamén o máis profundo do ser humano. Sen ela non somos. Creo que hai dúas cualidades que nos distinguen por riba doutras. Unha, a memoria: cando a perdemos completamente deixamos de existir. Como existir se non sabes a quen amas, quen te ama, quen eras, o que eras, como eras. A outra virtude é a esperanza. Todo o que abrazamos con firmeza parte da súa raíz: os soños, o desexo, as ganas de vivir, o inconformismo, o amor correspondido e o que nunca van corresponder, as promesas, as metas, os camiños. Este xoves, instalados no vagón da primavera, convén anotar nun papel todas as cousas nas que perseverarás. Eu anoto: escoitarei máis aos Creedence, todas as mañás, para que me outorguen a enerxía que non me aporta a vitamina C; non gritarei baixo ningún concepto e, de contado, ausentareime en calquera contexto (televisivo ou tanxible) no que se escoiten gritos; abrazarei incluso aos quen nunca me abrazan; volverei a escribir poemas e novelas, a pesar dos poemas e novelas que gardo no caixón; insistirei con optimismo no lado optimista da vida, e rodeareime de optimistas, e repetirei a palabra optimismo ata aburrir; quererei máis aos que me queren tanto; non esquecerei aos que me outorgaron algunha vez o favor do seu afecto. E repetirei, sen descanso: a primavera sempre volve. Como Dieste.