A o final, haberá copago. Podemos velo dunha maneira ou doutra. Pero haberá copago: segunda imposición de contribucións que debería soster as prestacións básicas do ata agora «Estado do benestar»: educación, sanidade, administración, servizos varios... Nunca foron gratis estes servizos. Pagámolos cos nosos impostos. Pero a crise vén para quedarse, bastante máis tempo do que imaxinamos, e non parece que abonden os recursos para soster o sistema. Se queremos mantelo, moito me temo que imos ter que mollarnos.
Copago. Cunha fórmula ou con outra. Ou sexa: pagar dúas veces. Polo servizo e mais polo uso que fagamos do mesmo. En Cataluña xa empezaron e, malia que dende o Goberno aínda sigan a dicir outra cousa, máis tarde ou máis cedo iremos todos detrás. Haberá copago porque doutra maneira vai ser difícil manter os servizos sociais. E haberá subida de impostos, por máis promesas que se fixesen durante a campaña electoral, e por moitas declaracións en contra que se sigan a facer aínda, cada vez máis ambiguas, por certo. Hai tempo que deprendimos a ler detrás dos ollos dos nosos gobernantes. Cando o candidato Rubalcaba advertiu na campaña que non ía ser posible manter a situación actual sen revisar seriamente a política contributiva, o Partido Popular non só negou a maior, senón que anunciou o contrario: non subiremos os impostos. Pois velaquí a derivada. A campaña de opinión á que faciamos referencia hai un par de semanas está pensada para que nos preparemos. Alguén debería pedir desculpas pola demagoxia.
A cuestión de fondo non é que teñamos que pagar máis: previsible aumento do IVE, aumentos no IRPF, modificacións na declaración da renda, imposto de sociedades, etcétera. A cuestión é que está cambiando o modelo e non queremos decatarnos. O que eufemisticamente chamamos crise é un novo tempo, un novo paradigma, se cadra unha nova maneira de enfrontarnos á realidade global, supranacional, o que esixe novas ideas e novos modelos. Non se trata de discutir rebaixas. A camelia que chapodei vai agora para un ano non rexurde. Está morta. Falta por ver se é unha metáfora ou responde a outras realidades. O que debería preocuparnos non é a contribución a maiores para manter o sistema, mesmo coas correccións necesarias, senón o reparto equitativo desa contribución, a súa distribución en xustiza, o seu deseño de futuro. Aquí é onde debería traballar a ciencia política, moi principalmente a ciencia da esquerda. Haberá copago. Se cadra non hai outra opción. Pero ¿quen o vai pagar? ¿Como se vai repartir ese esforzo? ¿Quen o vai asumir e con que criterios? Este é o debate. Cunha segunda derivada da que haberá que falar noutra ocasión: só con reaxustes non saímos do pozo. A non ser que a alguén lle interese que non saiamos do pozo.