Unha de choiva

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

P oucos lugares hai tan propicios coma Galicia para poñerlle nome á choiva. Lin hai pouco que facemos uso de máis de setenta vocábulos dentro do noso idioma para bautizar as distintas clases de pingueiras, en función da intensidade.

Chuvia, cebrina, nevarada, choiva, orballo, bátega, poalla, sarabia, trebón, brétema, dioivo, froallo, lapiñeira, babuña, ballón, borraxeira, bategada, auganeve, escarabana, nevarada, fuscallo, néboa, chuvasco, cifra, pedrazo, parrumada?

Tamén contamos, por sorte, cos delampos, que son eses pequenos intervalos de tempo nos que se ofrece unha tregua. Se temos sorte, risca unha raiola de sol no horizonte, e pode debuxársenos un arco da vella. Pero no reino da chuvia, este ano, aínda que nos bastan as palabras para definila, o que nos falta é a caída real da auga desde o ceo.

E é que as pingas non son calquera cousa. Resultan un dos activos máis importantes do noso país, por seren parte imprescindible da súa esencia. Non se trata tan só de pequenas circunferencias perfectas de auga transparente, limpa e queda. A chuvia é como un torrente de bágoas. Insignificantes esferas que magnifican as sensacións. Algunhas déitanse como dioivo, e outras eslúense imperceptiblemente. Rebordan dor ou alegría, pero sempre, emoción. Todo isto son, simplemente bágoas.