Dicíalo o pasado sábado nas páxinas de La Voz. Afirmabas, Lara, que se hai que ir ao Polo Norte para que nos valoren, imos ao Polo Norte. Pareceume un dos testemuños máis fermosos que teño lido nestes tempos de crise. Fermoso porque era un canto á resistencia, á esperanza, ao valor, ao mérito, á perseveranza. Nesta época escura, precisamos voces como a túa. Apúntome ao teu partido, Lara. Escribo o teu nome este 8 de marzo, cor de muller, e danzo con el en estación melancolía. Bailo contigo o baile dos que non queremos ser malditos, porque estamos cansos de selo. Dos que alentamos o noso alento para que chegue como bolboretas a calquera recuncho do mundo: o Polo Norte, por exemplo. Lara, quero escribir para ti esta columna que len persoas que son coma ti. Ti es o espello desta contraportada de xoves, es o que queremos conservar, a ilusión que segue limando o desespero de tantos días. Agardei este momento para pronunciar o teu nome e saber que Lara rima con valentía, en pleno. Rima coas palabras que escribo constantemente para trenzar, entre vocais e consonantes, o nome nunca vencido do futuro. Quero que saibas que cando vin as túas palabras collín o ordenador para escribirche a ti, que es todos os que len agora esta columna. Para escribir que pase o que pase non imos renunciar aos nosos propósitos. Escribir que os soños perseguidos son os que dan sustento ás nosas vidas. Grazas, Lara, por non renunciar aos soños neste tempo de renuncias. Se renunciamos a soñar, perdemos. Se renunciamos, gañan os perversos. Lara, escribo o teu nome para rir de sol en sol. Sen tristeza. Non perderemos máis, amiga.