A educación con Manuel Fraga

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

P olo menos tres grandes honras lle debo a don Manuel: a primeira, formar parte do Goberno galego durante 3.354 días (como sinalaba este diario o 17 de decembro do 2005), tendo, ademais, saído do mesmo canda el. A segunda, responsabilizarme da área na que, por tradición familiar, por propia formación e por experiencia, viña desenvolvéndose a miña vida; e a terceira, fomentar e apoiar as iniciativas para a potenciación da nosa lingua, que remataron coa aprobación no Parlamento, por unanimidade, do Plan de Normalización Lingüística, en desenvolvemento da correspondente Lei de 1983.

Foron anos de moito labor, pero tamén de constantes aprendizaxes e anécdotas. Traballar ao lado de Manuel Fraga era unha experiencia extraordinaria. Había que levar á práctica a diario o lema que el mesmo se tiña posto de rapaz: «Ben, pero rápido». Abondaba con ver o seu exemplo de entrega e responsabilidade, para non decaer en ningún momento.

O presidente foi un grande valedor da educación. Coñecía en detalle os problemas do ensino en Galicia e tiña catro preocupacións especiais: a educación básica, a formación profesional (el creou a primeira dirección xeral con este nome), a universidade e os idiomas. Insistía na importancia da lectura como técnica instrumental básica. O «resume do resume» de cada un dos moitos libros lidos, era a principal base da súa sólida cultura.

Preguntaba pola formación de bos técnicos de grao medio e superior, cada día máis demandados polo mercado laboral. Os seus 15 anos de goberno supuxeron a plena expansión do sistema universitario galego. Sempre comentaba que nesta etapa educativa o profesor, antes que investigador, debía ser un bo docente. Tiña unha verdadeira teima co dominio do inglés, que consideraba imprescindible desde o ensino básico.

Fraga facía tamén moito pola educación dun xeito inconsciente. A súa organización de vida e a práctica constante duns valores permanentes constituían un verdadeiro tratado de pedagoxía. Son exemplos: a rigorosa planificación do tempo; as técnicas de traballo intelectual que empregaba; a austeridade, disciplina e esforzo; a vontade, nunha palabra, verdadeira educación de educacións. Outros valores, tan escasos hoxe en día, eran omnipresentes na vida deste home: honradez, integridade, lealdade, coherencia, amizade, etcétera. Todos servían de base para unha absoluta entrega ao servizo público e ao respecto de persoas e institucións.

Curiosamente, estes valores non teñen cor política. Poden figurar nos programas de calquera partido. Diferente é, por suposto, promovelos e levalos á práctica. Precisamente por non terse feito, padecemos hoxe graves problemas sociais, como o fracaso escolar ou mesmo a crise económica, por citar só dous.