A mala relación co país veciño ven de lonxe. O duque de Rivas conta nun romance histórico o enfrontamento do conde de Benavente co duque de Borbón, que loitou a favor de Carlos V contra «o seu natural señor», Francisco I, rei de Francia. O emperador obriga ao conde de Benavente a recibir no seu castelo ao «fementido traidor». O conde obedece, pero cando o francés abandona o palacio, o conde préndelle lume e quéimao enteiro, con todas as súas riquezas dentro. O duque de Rivas conclúe que os muros renegridos recordan aínda «acción tan grande en la famosa Toledo».
Cando marchou o rei imposto por Napoleón, os madrileños arrincaron as árbores que mandou plantar Pepe Botella.
Os franceses xa non son o que eran e nós estamos moi lonxe daquel imperio do Século de Ouro, pero a xenreira e o mal entendemento seguen.
Aproveitando o asunto de Contador, Canal+ de Francia lanza unha serie de escenas burlescas, entre elas unha contra Rafa Nadal. Aquí, un tertuliano de TVE responde que o vídeo contra Nadal é unha mostra de mal gusto, como todo o cine francés.
E así seguiremos.