Pablo abriu os ollos, despois de tres días na uci. O primeiro que fixo foi tocar os nocellos. Non estaban inchados. Iso debía significar que a operación, case milagrosamente, saíra ben. Decidiu sorrir. Levaba xa, con tan só quince anos, seis operacións de corazón. Pero el dicía que non podía estar peor. Os médicos dixéronlle que lle quedaba un ano de vida se non decidía operarse. Tiña que pensalo. Había un 80 % de posibilidades de non superar o intento. Estaba derrotado, esgazado por dentro. A serenidade e madurez dos seus anos, sorprende. Soubo que era o mellor. Se superaba a proba, podería comezar a vivir, e se non o facía, aforraría un ano de sufrimento insostible. Hoxe leo unha carta súa de agradecemento aos médicos.
Non esquece. Estes dez anos foron os dunha nova vida, moito mellor. Só no materno infantil da Coruña se atrevían a facelo. Por iso o neno, antes de entrar no quirófano, agradeceu o esforzo, pasase o que pasase. As bágoas asaltaron a todo o equipo médico. A Pablo non lle faltaba sensibilidade, nin sentido do humor. O seu camiño era difícil de avanzar, por iso trataba de facérllelo sinxelo aos demais. ¡Son do Real Madrid. Por favor, non me poñades un corazón dun seareiro do Barcelona, que se me pode pegar algo! Agora latexa grazas a un amante do Deportivo. Como non perdeu un ápice da súa sensibilidade, ama A Coruña, e agradece a súa xenerosidade. Di que é de xustiza sentirse medio galego. Sabe mellor ca ninguén que se poden repartir anacos do corazón.