Vivimos un tempo de fracaso. Síntome fracasado como escritor: porque quero falar ao adentro dos homes pero son incapaz de rabuñar máis alá da súa pel. Porque escribo libros sen moda e sen idade, nesta idade en que ninguén le libros que non teñan moda moda moda incorporada. Porque quero ser sincero, cando é a mentira quen reina. Porque son un inhábil columnista que procura nesta contra só un alento que dar, que recibir: inutilmente, constato. Fracasado porque non sei saír desta caverna: incomunicados a través das máis altas tecnoloxías. Porque quero voar e sempre me encontro atado. Porque dous e dous suman catro cando eu quero sumar tres. Fracasado porque non sei trocar a túa tristeza en risa. Porque ninguén me aprendeu a ser feliz (a min, matriculado en colexios e universidades durante décadas). Porque corrín tanto tralo amor que me perdín entre ficcións: confundín a noite e o paraíso. Fracasado por detestar a maioría dos artistas contemporáneos: eses que versifican e pintan raro para non seren comprendidos. Fracasado porque creo que as cousas poden cambiar, aínda que nunca cambia nada. Porque me manca a corrección política imperante. Porque son máis malo do que era, menos inxenuo, escuro e ruín. Fracasado porque quero ser libre, nestes días en que ser libre é pecado. «A nosa misión na vida non é triunfar, senón seguir fracasando con entusiasmo e alegría» (R. L. Stevenson). Non coñezo un asunto máis literario que o fracaso. Pero a vida e a literatura pouco teñen que ver. Vivir é agardar un tempo de brillo, caricias, risa, carnaval, abrazo por abrazo. O éxito é seguir soñando. Pisándote, fracaso.