H ai quen cre que as escritoras non debemos escribir das intraleas do nacionalismo galego, así que vou contar unha fábula.
Había unha vez tres vacas que fixeron unha asemblea para ver quen gobernaba o cortello. A primeira chamábase Galiza e non se levaba ben coa segunda, Galicia. A terceira?, esa apareceu dicindo que quería saír na fábula, pero é irrelevante. Galiza fora noutrora resultona, e por iso criara centos de becerros que fixeron do cortello unha importante empresa. Pero os becerriños da Galiza eran o demo, e as súas trasnadas chegaron a facer imposible a vida alí. Galicia estaba farta: pisábanlle o estrume, comíanlle do silo e beliscábanlle os tetos. A vida de Galicia, con todo, mudara o día que se amigara cunha vella gloria do cortello, un boi de estirpe a quen o gandeiro aprezaba fondamente. Galicia e o boi, por iso, decidiron ir á asemblea cun mandado: ou acababan as trasnadas dos becerros da Galiza, ou Galicia formaría o seu propio cortello xuntándose coas outras damnificadas (vacas da Coruña, vacas socialdemócratas, vacas católicas, vacas centristas?). A asemblea foi un fiasco: Galiza díxolle a Galicia, «Impórtacheme ben», e Galicia colleu o boi de ganchete e botou a andar contendo as lágrimas e loitando contra a tentación de virarse, por se quedaba convertida en estatua de sal. Galiza aplaudiu. E Galicia, que sabía a historia dos tres porquiños, pediu un crédito para pagarlle a uns bos arquitectos e facer un cortello imposible de botar abaixo soprando.
¿E que fixo o gandeiro? Nada. El en realidade só ten as vacas por galeguidade, pero do que realmente vive é da especulación coa compra venda de cortellos.