Entrados nas kalendas de febreiro, animoso porque primavera agarda e don Carnal corre brioso, toco a tecla dos xoves con tinta de optimismo. Escoita este apóstrofe, esta ecuménica enfática alta voz, non te distancies. Achégate. Non escapes. Importa que sexas ti, aínda que ordes superiores indiquen todo o contrario: quero dicir que ser fiel a ti mesmo é o único pecado que non debes deixar de cometer. Importa que gozar e ser gozado (querer, amar, sentir) se declinen entre as sombras de cada invernario. Importa que teñas ollos que se convirtan en soles cando os miras, que no dicionario de cada día non falten os abrazos, que os cen paxaros na man sexan menos importantes que os miles que están voando. Importa que non te cortes, cando as navallas do frío craven, afiadas. Importa que o humor se disfrace en medio da túa gravata, no pantalón vaqueiro que tanto che gusta, na bufanda que alguén comprou para ti. Importa saber perder, pero saber ganar -non o esquezas- é tamén axioma relevante. Importa o abecedario que escribes coas túas mans, cando acaricias. Importan os bicos que sabes dar e os que escaparon a ningunha parte. Importa que escribas comigo esta columna de xoves, tan leal. Hoxe, por favor, aprehende esta verdade que escribo: febreiro amence na túa boca, fresco, carnaval, aprimaverado. Anímate. Pinta a balada do optimista no muro da túa vida. Importa que saibas que se caes, ha de haber alguén que te levante. Humphrey Bogart e Lauren Bacall en The Big Sleep de Howard Hawks. Vivian: Esqueces unha cousa. Marlowe: ¿Que pasa contigo? Vivian: Nada que ti non poidas arranxar. Ti, nada máis.