CHÁMASE Xosé Manuel. Debe de andar polos 30 anos. Hai pouco que botou moza. Fillo de labregos emigrantes, que regresaron á aldea contra finais dos setenta e que non fixeron precisamente as Américas. De feito el naceu na Arxentina, volveu con 5 ou 6 anos, aínda se lle nota un certo sotaque na fala... Estudou nos centros públicos da zona e, a continuación, licenciouse en Ciencias Políticas na Universidade de Santiago. O feito de vivir nos arredores de Compostela facilitoulle esta posibilidade que se cadra doutro xeito non tería. Os veciños todos din que xa de cativo se lle vía moi ben dotado para os estudos. Un día atopeino no valo da horta encintando pedras. «¿Que fas...?», pregunteille. «Boto unha man na casa...». Falamos. Animeino a voar, e unha mañá presentóuseme dicindo que marchaba a traballar na hostalería, recepcionista nun hotel, preto de Birmingham, para deprender inglés. Tomouno en serio e, ao cabo do ano, o seu inglés era lixeiro e eficaz, oral e escrito. «Agora voume a Francia», anuncioume cun sorriso. «A polo francés...». Nun campo de traballo, ao sur de París. Co castelán e mais o galego, que o conecta co portugués e co ámbito brasileiro, o seu marco de relacións e de oportunidades ensanchábase poderosamente. A súa idea era iniciar unha tese ou algunha liña de investigación preferiblemente conectada coa proxección exterior dos nosos sectores económicos e empresariais. Pero non había sitio. Ou non había horizonte para manter economicamente un rapaz nestas condicións. Pediu unha bolsa de estudos en Bruxelas e logrouna. Ao ano seguinte, unha fundación financeira creu tamén nel e durante outros dous anos especializouse en relacións comunitarias. «O espazo europeo é o grande espazo. Ou empezamos a ser competitivos nese ámbito -e mais na globalización- ou quedamos fóra do sistema». De novo na casa, empezou a petar nas portas do empresariado galego: incluídas as asociacións sectoriais. Durante case catro anos sobreviviu con contratos de colaboración internacional, relacionados case sempre con proxectos da Administración autonómica. Contratos parciais. Cinco ou seis meses e a esperar un novo convenio, que pode chegar ou non. Malia a súa cualificación e experiencia, a última oferta foi tan precaria que decidiu empezar a mandar currículos fóra do país. Acabo de recibir un correo seu dende a Gran Bretaña. En menos de dúas semanas, e logo de elixir entre tres propostas diferentes, entrou a traballar nunha empresa de proxección internacional (conexións comerciais), seleccionando persoal para América Latina. «Estou contento», escribe. «Teño saudades do país. Pero aquí hai unha chea de galegos. Algúns mesmo son compañeiros de Santiago...». Xa andan na idea de constituír unha asociación cultural ou algo parecido, semellante a outras que funcionan en París e Bruxelas. O seguinte paso será chamarnos a catro ou cinco patrucios, para que deamos conferencias o día das Letras Galegas.