| O |
09 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.QUÉDOME algunha noite, tristón, mirando o mar e un vaso de güisqui. Sei que non son un tipo de hábitos correctos e sei que en xullo, como un covarde, ando á procura dun lugar onde agacharme. Non quero ser visto. Nin oído. Talvez tampouco quero oír demasiado. Nin ver. Prefiro os heroes do deporte aos heroes das milicias. Xullo é un mes de épica deportiva. Antes Indurain e agora Nadal, Alonso, Schuster. Este país precisa heroes, pero o mundo, e ti, precisan outro tipo de caricias (talvez os heroes non saben acariciar). Preciso que os teletipos non marquen máis mortos en Iraq. E preciso, con urxencia, que alguén pida perdón por aquela guerra, aquela foto nas Azores, as mentiras do presidente e do seu partido. Pero o perdón só o pedimos os de abaixo. Os de arriba non teñen ese costume. Digo máis. Os de arriba, de calquera color, perseveran no error con desdén. Que cambie o Goberno e que Magdalena Álvarez continúe, ministra, é un puñetazo no rostro de Galicia. Claro que os intelectuais gregarios nunca falan mal de Magdalena nin do Goberno: eles viven para aplaudir. Non todos somos iguais. Eu, por exemplo, prefiro aplaudir á xente común que me cruzo nos bares, vaso a vaso. Non obstante, prometo, o güisqui dime menos cousas que antes. Sigo, pese a todo, falando con el en secreto. Cóntame que nunca ha de traizoarme e eu cóntolle que sempre me falta algo. Cóntame da escuridade; eu cóntolle da luz azul que non me mira. Cóntame da alegría de vivir e eu, que son un melancólico, cóntolle dos momentos felices: eses que sempre están no pasado. Estes días miro o mar e un vaso. Vou tomando distancia da realidade, dos ecos da tristeza, de Magdalena. Tomo distancia de min mesmo. Este torpe aprendiz de vividor que quere vivir a pesar de ti. A pesar de ti, distancia.