Parlamento, xuíces honorarios e Couto Mixto

| CARLOS VARELA GARCÍA |

OPINIÓN

06 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A FAIXA de veciñanza entre Galicia e o norte de Portugal maniféstase como unha parte dos 1.234 quilómetros da «raia» hispano-lusa que constitúe un dos límites interiores mais antigos e extensos do continente europeo, que se remonta ata o Tratado de Alcañices de 1297. A singularidade deste lugar amósanos a súa versión máis acaída no territorio chamado O Couto Mixto, cuxa orixe se perde aló polo século XII, e que se constituíu en enclave independente gobernado polas súas propias leis e privilexios. O Couto Mixto foi, pois, un territorio de pouco máis de 25 quilómetros cadrados que se espallou entre ambos lados dunha fronteira permeable, chea de encontros e de oportunidades e tamén de aproveitamentos compartidos. Esta foi a fronteira do comercio e do contrabando tradicional, dos coutos mixtos e dos pobos promiscuos que simbolizaban outra maneira de ser e de vivir. Actualmente trátase dun territorio, instalado na raia seca de Ourense, de carácter dobremente periférico e marxinal que presenta un forte atraso económico, un espazo necesitado de impulso a xeito dunha importante revitalización económica, social e cultural. En datas recentes o Parlamento de Galicia ( BOPG 19.04.07) proclamou o recoñecemento desta realidade e instou á Xunta de Galicia a fomentar traballos de investigación e a desenvolver iniciativas que contribúan a divulgar o seu valor histórico, así como tamén a coordinar coas Administracións locais diversas iniciativas que permitan conferirlle o pulo necesario para acadar o seu desenvolvemento social e cultural. Pola súa banda, o Congreso dos Deputados aprobou o pasado 28 de maio, por unanimidade, a proposición non de lei na que insta ao Goberno do Estado a realizar actuacións encamiñadas ao recoñecemento histórico-cultural e ao desenvolvemento económico deste enclave singular e o seu entorno. No seu tempo de esplendor, o Couto Mixto elexía un xuíz-alcalde que se constituía en xefe político, gobernativo, administrativo e xudicial, e que estaba auxiliado á súa vez por tres homes de acordo. Este xuíz-alcalde era a máxima autoridade, e antes de rematar o seu período de mandato de tres anos convocaba aos veciños a fin de proceder a elección do seu sucesor. Dende hai uns anos a Asociación Amigos do Couto Mixto ven rememorando a historia deste espazo singular, e particularmente o acto de nomeamento dos xuíces honorarios. Mais a gran novidade da celebración correspondente a este ano estará constituída, sen dúbida, polos pronunciamentos dos Parlamentos galego e español, verbo desta cultura raiana máxica e indefinida que, a través do entendemento transfronteirizo permeable e recíproco, foi quen de formar parte estruturante da memoria individual e colectiva.