A función do satélite

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

24 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A PROPOSTA de estudar a viabilidade dun satélite galego de telecomunicacións deu ocasión para moitas consultas aos expertos na materia, que se viron reflectidas en diferentes medios, nomeada e acertadamente en La Voz de Galicia. Aínda así, ficaron no aire preguntas sobre a función básica dun satélite no acceso dos dispositivos electrónicos á interrede global (Internet) con «banda larga» (ou, correctamente, con alta velocidade)... A idea do satélite de telecomunicacións é colocar un repetidor de sinais electrónicos nunha altura moi superior á do cume terrestre máis alto, entendendo que, canto maior a elevación do repetidor, maior a cobertura que han dar as súas antenas. Basicamente, os dispositivos en terra (ordenadores, aparellos de multimedia) apuntan as antenas á do satélite que as ve . A ela envían feixes de microondas dunha determinada frecuencia modulados por sinais de banda base (audio, vídeo, datos). A antena do satélite entrega as microondas que recibe, amortecidas e distorsionadas no espazo, a un «transpondedor» que recupera, rexenera e amplifica a banda base. Logo de rexenerados e amplificados, eses sinais de banda base modulan un feixe de microondas que se proxecta cara á Terra, onde é recibido nas antenas dos dispositivos parceiros da comunicación. As frecuencias dos feixes «ascendente» e «descendente» son distintas para evitar interferencias. A cobertura do satélite alcanza ata onde chega a «pegada» sobre a Terra do feixe descendente: a zona onde este concentra a súa enerxía.