Virus monzón

| INMA LÓPEZ SILVA |

OPINIÓN

CANDO chego á oficina, prendo o ordenador. Mentres carga, baleiro os 5 litros de auga que este monzón de xuño me deixou nos vaqueiros, sen esaxerar. Descálzome, abro o e-mail e entro no xornal. Primeiro leo o que poñen na tele. Despois, o tempo. Páxina de Cultura. Artigos de Barreiro e Caneiro. Sección Galicia. Sociedade. Clico en España. Cústalle. Típico se chove, penso, pero logo sae. Internacional: Olvidados nun orfanato de Bagdad. Pincho aí. Non entra. Volvo darlle, e nada. Adeus rede, digo. Réndome ante a evidencia e rezo a Shiba porque non se estraguen os arquivos. Vou ao documento co artigo, respiro fondo e estiro os dedos. Abráiome. O meu artigo, ese que ía revolucionar Galicia, me ía lanzar ao estrelato e me obrigaría a ir aos partidos nocturnos do Real Madrid con gafas de sol, non está. Isto si que é a síndrome da páxina en branco. Abráiome máis, porque eu non estou a escribir esas letras que se escriben soas: «Es unha sádica». ¿Un virus? ¿Os virus insultan aos donos do ordenador? «Hai que ser animal para leres iso». Mmm, un virus bempensante que me roubou o artigo... «Olvidados nun orfanato de Bagdad». «Desde xa, les blogs de rexoubeo sobre literatura galega. E seca o pelo, que te vas acatarrar». Oh! ¡Un virus coma miña nai! Probo a comunicarme. «¿Ti saber onde artigo estar?». Unha a unha, cara atrás, bórranse as letriñas. Aparece a mensaxe: «Papeino. Ja. Ja. Ja.». E segue. «Como sigas lendo esas cousas, desaparézoche a próxima novela». Non me atrevo a borrar o que se escribiu e desespero. «¡Por favor, non! As noticias non as escribo eu. Nin sequera as imaxino antes de que pasen». Outra vez borra as letriñas cara atrás e escribe. «Alá ti. Eu non quero ter eses códigos na memoria». De golpe, pantalla azul. Reinicio. Todo parece normal. Pero sei que segue aí.